5/12/07

Suspensos en prevención de incendios


Hoxe o publica La Voz de Galcia (a foto tamén é de eles) Frustrado simulacro de incendio no Instituto Número Un. Non pasa nada se os erros sérvennos para aparender.

Para iso son as avaliacións. Nós os familiares temos que poñer en valor estas actividades para que os rapaces tomen en serio estes adestramentos para emerxencias.

4/12/07

Comentando PISA

Interesante artigo de El País sobre as valoracións que se fan ao informe PISA sobre calidade do ensino Avisos para no quedar en evidencia comentando PISA.

As receitas que propón o autor:
  • ver menos televisión,
  • pasar máis tempo cas nais e pais,
  • dar máis prestixio aos profesores,
  • aumentar a popularidade dos empollones
  • instruír deleitando.

28/11/07

Invitación ao teatro

Mañá, xoves 29 de novembro ás 20:30 o Grupo de teatro do IES nº 1 de Ribeira “Jakunamatata” fará unha representación co motivo da conmemoración do 25 de novembro “Día Internacional contra a violencia ás mulleres”.

Esta representación está especialmente dirixida os pais/nais do alumnado do Centro e estaría ben que acudísedes.

21/11/07

Novas educativas na prensa local

Hoxe, a edición comarcal da Voz de Galicia ven cargada de novas educativas.

O Instituto Número Un fará un acto en recordo de todas as vítimas de maltrato este ano. Van conmemorar, con diversas actividades dende hoxe ata o venres, o día contra a violencia contra as mulleres que terá lugar o día 25. Participará o grupo de teatro do instituto Jakunamatata dirixido polos profesores Purecha Rodríguez, Carlos Pereira e Carmen Segade.

Onte celebrouse o Día Universal dos Dereitos dos nenos, e con ese motivo xuntáronse no Concello varios centenares de alumnos de ESO.

Parece que tamén as Autoridades do Concello están a poñerse en contacto cas Autoridades Educativas para arranxar algúns problemas no transporte escolar de estudantes de ESO. Os pais ben sabemos dos problemas dos transportes (especialmente naqueles lugares afastados do centro), mais non é admisible que os rapaces teñan que camiñar un quilometro para achegarse á parada do autobús.


15/11/07

Escola de Pais de Renacer


Temos recibido na asociación unha invitación da Asociación Antidroga Renacer para a creación ou participación nunha escola de pais con os nosos asociados.

Renacer é ben coñecida por todas as xentes de Ribeira. Leva moitos anos loitando cotra a droga. Mais tamén leva xa moitos anos facendo a súa Escola de Pais (esta é xa a súa XV edición) que ten un grande recoñecemento entre os educadores non só de Barbanza senón de toda Galicia.

Eles dannos a oportunidade de organizala no xeito que nós queiramos. Podemos facela de forma continuada ao longo de varios meses, ou ben organizando obradoiros de contidos específicos.

Sería unha magoa que deixásemos perder esta gran oportunidade que están a brindarnos. As nais e os pais somos os principais responsables da educación dos fillos, e estes non ven con un manual de instrucións. Porén estas Escolas de Pais poden ser unha inmellorable oportunidade para formar nos.

2/11/07

Inmigración Hoxe - Curso semipresencial

No Centro ECCA de A Coruña levaraise a cabo os próximos días 5, 12, 19 e 26 de novembro en horario de 18:30 a 21:00 h un curso semipresencial sobre Inmigración Hoxe que se combinará o traballo na casa (fichas para completar con clases gravadas en audio).

Entre outros esta dirixido ás nais e aos pais das ANPAS.

Obxectivos do curso son:

  • Sensibilizar á poboación sobre o fenómeno migratorio.
  • Delimitar o concepto de inmigración.
  • Analizar as causas e consecuencias do fenómeno migratorio.
  • Tomar conciencia, recoñecer e cambiar algunhas ideas erroneas acerca da poboación inmigrante.
  • Analizar os movimentos migratorios dende un punto de vista histórico.
  • Describir o marco legal
  • Analizar as consecuencias que xenera nos/as inmigrantes o abandono do seu país de orixe: os duelos
Se te interesa ir podes obter máis información en:

Radio ECCA Fundación
R/ Bugallal Marchesi, 9, baixo A
15008. A Coruña
Tfno: 981 293 658.
acoruna[arroba]radioecca.org

Poñéndonos en marcha

Antonte tiveramos a primeira reunión da Xunta Directiva tra-la Asemblea. Dúas novas vogais honrárannos ca súa presenza e as súas gañas de traballar.

A reunión prolongouse durante máis de dúas horas, pero non abondou para poñer para poñer en marcha todas as cousas que estamos a argallar. De algunha de elas xa soubeches pola Asemblea.

Agora úrxenos poñer en marcha as actividades para o presente curso, mais non queremos facelo sen contar con todos os interesados:
  1. Queremos que o alumnado se manifeste. ¿Que actividades queredes facer? ¿Que é o que esperades do Instituto ademais das clases? Xa que vos non o manifestades directamente, ímosvolo preguntar, e haberá algunha sorpresa para aqueles de vos que nos deades as mellores respostas.
  2. Tamén queremos colaborar co profesorado. Vos sodes os expertos en Educación e saberedes asesorarnos nas actividades máis axeitadas, e no modo de facelas máis atractivas ao alumnado. Tamén achegámosvos unha man para cubrir aqueles ocos ou carezas nas que necesitedes a nosa axuda.
  3. As familias tamén témonos que implicar un pouco máis. Podedes poñervos en contacto con nós e achegarnos as vosas inquedanzas, preguntas, axudas, etc. Podedes contactar con nós polo correo electrónico, por carta no Instituto o en persoa cando nos reunamos a Directiva. A vindeira reunión da Directiva será o luns día 12 no instituto as sete e cuarto da tarde. Achegádevos.

24/10/07

¿Qué é isto?

Isto é o blog, bitácora ou caderno de bitácora da Asociación de Nais e Pais Caramecheiro do Instituto de Ensino Secundario número 1 de Ribeira.

En Ribeira, pobo mariñeiro como poucos, todo o mundo sabe o que é un caderno de bitácora. É o libriño que ten o patrón ou capitán do barco no que vai anotado as posicións do mesmo, o tempo que fai e todos aqueles acontecementos destacables da vida de abordo.

No noso caderno de bitácora ou no noso blog imos a anotar tamén todas aquelas cousas que acontecen no instituto ou que son importantes para os nosos fillos ou para todos nós.

Mais non queremos que quede a comunicación vaia nunha soa dirección. Tamén desexamos que si tedes algo que contar o fagades ben no recuncho de comentarios as novas que imos publicando ou ben a través do correo electrónico e nós o publicaremos ben na páxina web, ou ben no blog.

Cas novas tecnoloxías podemos publicar as novas que vaian xurdindo dun xeito moi sinxelo e dinámico, pero tamén vos podedes contestar para matizalas cas vosas opinións, para completalas aportando máis información ou para o que queirades.

Quizais no futuro podamos colgar un foro ou unha lista de correos nos que a participación sexa moito máis dinámica entre todos nós. Mais polo de agora imos poñer en marcha este aparello.