27/11/09

Suspenso para o sistema educativo español


Flat Classroom Skype de superkimbo

Segundo unha nova de hoxe de Vieiros: Suspenso para o sistema educativo español: "Bruxelas marcou cinco obxectivos en materia de educación que deberían acadarse, como moi tarde, en 2010: situar a taxa de abandono escolar por debaixo do 10%; reducir a menos dun 20% a porcentaxe de alumnos con problemas de comprensión na lectura; lograr que, polo menos, o 85% dos mozos completen a educación secundaria; aumentar nun 15% o número de diplomados en matemáticas, ciencias e tecnolóxicas; e conseguir que o 12,5% da poboación adulta participe en formación continua. No Estado Español non se cumprirá ningún destes cinco retos."


25/11/09

Persépolis


Persépolis: foto de http://www.artmultimediadesign.com

Mañá día 26 de novembro, temos a nosa segunda sesión de cineclub. Lembrade que co fin de que podamos ter un pequeno debate despois da película, a sesión terá lugar ás 19:00 horas (ás sete da tarde). ESPERÁMOSVOS!!!

12/11/09

Ollos de Auga


O libro escollido para a vindeira xuntanza do club de lectura é "Ollos de Auga" de Domingo Villar. Trátase dunha novela negra ambientada na cidade de Vigo.

A xuntanza terá lugar como sempre no Ateneo do Bar Plaza. A data da posta en común do libro será o 10 de decembro ás oito menos cuarto da tarde.

Agardamos vervos por alí, e recordade que podedes invitar a aquelas persoas que queiran participar.

5/11/09

Hoxe, ás 19:45 no Bar Plaza, xuntanza do Club de Lectura do Caramecheiro. Falaremos do libro "Memoria de Cidades sen Luz" ca súa autora Inma López Silva.

20/10/09

Consello Escolar

O xoves día 22 de outubro hai Consello Escolar co seguinte orde do día:

1. Lectura e aprobación, se procede, das acta da reunión anterior.
2. Informe de Dirección:
  • a) Avaliación de Diagnóstico.
  • b) Páxina web.
  • c) Aprobación, se procede, da “Convocatoria de axudas para proxectos de innovación. PLAN TIC 09/10”
3. Informe de Xefatura de Estudos:
  • a) Situación do alumnado repetidor de 2º de bacharelato.
  • b) Expediente disciplinario.
  • c) Tratamento casos de absentismo.
  • d) Aula de convivencia.
  • e) Reunión pais/nais.
  • f) Avaliacións.
4. Informe Xefatura de Estudos de Adultos:
  • a) Novidades no réxime de educación de adultos.
5. Rogos e preguntas.

Se alguén ten algunha proposta para facer no Consello, pode facelo a través das representantes da ANPA no noso correo anpacaramecheiro (arroba) hotmail (punto) com

Tamén ofrecémonos a informarvos de calquera dos asuntos tratados no Consello.

19/10/09

Memoria de cidades sen luz


Non esquezades que para este principio de curso temos programada a lectura do libro de Inma López Silva "Memoria de Cidades sen Luz" para o xoves 5 de novembro. Imos reunirnos como o ano pasado no Bar Plaza ás 19:45 (oito menos cuarto).

Este ano, ademais das familias e o profesorado, agardamos a participación tamén do alumnado, e se hai sorte, mesmo a autora podería estar connosco.

A novela, conta dende a óptica dun rapaz os acontecementos que suceden antes da guerra civil en A Coruña, a súa fuxida ao exilio durante a guerra, a vida en París durante a guerra mundial... Se non comezastes lela, aínda estades a tempo, que estou seguro de que unha vez comezada, non seredes quen de deixa-la lectura ata rematar.

18/10/09

Comenzo do Cine Club


Este curso estamos a poñer en marcha unha nova iniciativa da ANPA Caramecheiro en colaboración co profesorado da Biblioteca do Instituto número uno. Trátase dun cine club no que imos ver unha película aproximadamente por mes, para despois comentalas entre os asistentes.

A iniciativa xurdiu ante a boa acollida que tivo o ano pasado o Club de Lectura, e como unha actividade complementaria ao mesmo. Os que participamos o ano pasado do Club de Lectura, decatámonos que as reunións do mesmo, eran un bo punto de encontro entre o profesorado, as nais e os pais. Falando informalmente das lecturas, conseguimos un bo grado de achegamento e tamén falarmos das cousas que afectan ás noas fillas e fillos.

Este ano, queremos ir máis lonxe, e por iso temos invitado ás actividades ao alumnado de Bacharelato e de Educación para Adultos do centro.

As películas que imos ver tratarán de achegarnos ás culturas doutros países, para conseguir ter unha mellor comprensión das mesmas, e facilitar a convivencia entre todos.

A primeira proxección terá lugar no salón de actos do Instituto o xoves 22 de outubro ás 20:00 (oito da tarde). A película escollida para abrir o Cine Club é "O Camiño a Casa" do director chinés Yimou Zhang.

Conta a historia de Luo Yusheng, un home de negocios de éxito, que volve á súa aldea natal no Norte da China para ir ó funeral do seu pai, o profesor da escola local. Estrañado, observa como a súa nai insiste en que se segan todos os costumes e ritos ancestrais. Despois de tanto tempo fóra da casa e dos cambios que aconteceron na súa vida, Luo dáse conta do importante que foi a marabillosa historia de amor vivida polos seus pais.

14/4/09

Rosa Aneiros: Resistencia


No noso club de lectura, a vindeira semana faremos unha xuntanza extraordinaria. E é extraordinaria, non só porque imos saír un pouco do programa, senón porque contaremos coa autora do premio Arcebispo Juan de San Clemente á mellor novela en lingua galega: Rosa Aneiros.

A xuntanza terá lugar o martes 21 de abril no Salón de Actos do Instituto, e está encadrada dentro do programa da V Semana das Letras. A data é moi apropiada, pois a novela está ambientada na Revolução dos Cravos cuxo aniversario celebrarase o día 24.

Merece a pena pasarse pola web do Instituto e mirar o montón de actividades que ten programadas desde hoxe ata o final da vindeira semana. En algunhas (como en esta do Club de Lectura) tamén ten cabida o público en xeral.

Mirade que cartel máis guapo fixeron para a semana das letras:


Sen letras non hai paraíso


6/3/09

Excursión á estación de Esquí de Manzaneda a fin de semana do 13 ó 15 de marzo

Ski de fond by Alain Bachellier


Temos previsto realizar unha excursión á estación de Esquí de Manzaneda a fin de semana do 13 ó 15 de marzo. A saída será o venres ás 16:00 horas dende o Instituto, e a chegada está prevista para o domingo entre as 20 e as 21 horas á estación de autobuses.

As rapazas e rapaces irán acompañados por monitores ao longo da fin de semana. Como outros anos terán a posibilidade de alugar os esquíes e de contar cunha persoa lles aprenda a esquiar. Ademais poderán facer uso da piscina cuberta de Manzaneda.

Agardamos que actividade sexa do interese de todos. Aquí tedes os prezos da excursión e a ficha de inscrición. O luns entre as sete e as oito da tarde estaremos no salón de actos do instituto para recoller as inscricións e para aclarar calquera dúbida sobre a actividade.

24/2/09

"O Club da Calceta" de María Reimóndez

O pasado día 18 tivemos a nosa xuntanza no noso particular "club da calceta" para comentar as nosas impresións sobre a lectura da novela de Javier Reverte "Venga a nosotros tu reino". Xuntámonos no Ateneo do Bar Plaza un grupiño moi guapo, e estivemos moi a gusto falando un par de horas.

Acordamos ler neste mes "O club da calceta" de María Reimóndez. A idea é tratar de liar á autora para que veña ao noso faladoiro. Por iso a data da vindeira xuntanza queda aberta. Se a autora pode e quere vir a charlar connosco, pois será ela quen fixe a data. E se non, pois buscaremos unha data axeitada e xa avisaremos.

O libro témolo encargado na libraría Master. Pensamos que estarán ao disponibles a partir do mércores día 25.

Recordaros que se queredes participar do noso club que so tedes que achegaros. Que todo o mundo é benvido e que se queredes podeis invitar as persoas que lles apeteza.

13/2/09

Becas Bacharelato Internacional


A Fundación Pedro Barrié de la Maza informounos de que dotan unha beca para o alumnado de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato que desexen cursar en algún dos Colexios do Mundo Unidos estudos de Bacharelato Internacional.

A beca ten unha duración de dous anos e unha dotación de 45.000 euros e concédese para a obtención do título de Bacharel Internacional. Con este título pódese acceder as universidades españolas facendo a selectividade a través da UNED.

As bases da convocatoria, están na web da Fundación Comité Español de los Colegios del Mundo Unido.

O prazo para a solicitude de becas remata o día 6 de marzo. O impreso de solicitude pódese descargar aquí.

O alumnado de primeiro de ESO tamén ten unhas becas para participar nun programa de inmersión lingüística en colonias de vacacións. A convocatoria pódese ver no BOE.

22/1/09

Javier Reverte: "Venga a nosotros tu reino!"


Este é o autor e título da próxima novela que imos a ler para o club de lectura. A Anpa ten encargados, desta volta, os libros na librería El León na rotonda de Padín.

O libro promete ser moi interesante. Para charlar sobre o libro, o divino e o humanos, imos reunirnos como a primeira vez no Ateneo do Bar Plaza o mércores 18 de febreiro as sete e media da tarde.

Xa sabedes que todas as persoas de Ribeira que gusten de ler, están invitadas á nosa xuntanza, pero moi especialmente as pertencentes as familias dos alumnos do IES número 1. Do que se trata é de gozar ca lectura e fomentala nas nosas fillas por imitación.