18/10/09

Comenzo do Cine Club


Este curso estamos a poñer en marcha unha nova iniciativa da ANPA Caramecheiro en colaboración co profesorado da Biblioteca do Instituto número uno. Trátase dun cine club no que imos ver unha película aproximadamente por mes, para despois comentalas entre os asistentes.

A iniciativa xurdiu ante a boa acollida que tivo o ano pasado o Club de Lectura, e como unha actividade complementaria ao mesmo. Os que participamos o ano pasado do Club de Lectura, decatámonos que as reunións do mesmo, eran un bo punto de encontro entre o profesorado, as nais e os pais. Falando informalmente das lecturas, conseguimos un bo grado de achegamento e tamén falarmos das cousas que afectan ás noas fillas e fillos.

Este ano, queremos ir máis lonxe, e por iso temos invitado ás actividades ao alumnado de Bacharelato e de Educación para Adultos do centro.

As películas que imos ver tratarán de achegarnos ás culturas doutros países, para conseguir ter unha mellor comprensión das mesmas, e facilitar a convivencia entre todos.

A primeira proxección terá lugar no salón de actos do Instituto o xoves 22 de outubro ás 20:00 (oito da tarde). A película escollida para abrir o Cine Club é "O Camiño a Casa" do director chinés Yimou Zhang.

Conta a historia de Luo Yusheng, un home de negocios de éxito, que volve á súa aldea natal no Norte da China para ir ó funeral do seu pai, o profesor da escola local. Estrañado, observa como a súa nai insiste en que se segan todos os costumes e ritos ancestrais. Despois de tanto tempo fóra da casa e dos cambios que aconteceron na súa vida, Luo dáse conta do importante que foi a marabillosa historia de amor vivida polos seus pais.

No hay comentarios: