15/10/10

Escola de nais e pais

A asociación antidroga Renacer convídanos ás súas escolas de nais e pais. Estas escolas organízanas tanto de xeito continuado como de forma puntual. Se queredes asistir ás escolas continuadas podedes contactar con eles directamente. Tedes os detalles na web de Renacer.

E se queredes que organicemos algo dende a ANPA, como pedichedes na asemblea ordinaria, pois só tedes que poñervos en contacto con nos e contarnos as vosas preferencias.

27/9/10

Club de lectura


Programación do club de lectura de Ribeira para outono:

Importante. Para ver de dar cabida a xente que traballa, as reunións terán lugar as 20:30 (no lugar das 19:45 como ata agora). O lugar o de sempre, o Ateneo Valle Inclán de Ribeira.


As lecturas propostas son:
  1. El tiempo entre costuras de María Dueñas. Ed. Temas de hoy
    Xoves 21 de outubro.
  2. A esfinxe de Amaranto de Antón Riveiro Coello. Ed. Galaxia
    Xoves 25 de novembro.
  3. Las tres sombras de Cyril Pedrosa. (Cómic) Ed. Norma
    Xoves, 16 de decembro.
Para o primeiro libro dos propostos recomendamos esta ligazón da autora.

Animádevos a participar!

9/7/10

Lecturas para o verán


Agora no verán é un bo momento para coller un libro mentres nos relaxamos e gozar da lectura. E despois xuntarmos a tomar un refresco e charlar sobre o lido tampouco está mal.

A programación definitiva para o verán:

- Xoves 29 de Xullo: charla sobre o libro de Miguel Anxo Murado "Fin de século en Palestina"
- Xoves 26 de Agosto: o libro en torno ao que nos xuntaremos para falar será "Platón y un ornitorrinco entran en un bar" dos autores Thomas Catchcart e Daniel Klein.
- Xoves 23 de Setembro: cada participante escollerá dous poemas para ler e comentar. Ademais se fixará a programación para o primeiro trimestre de do curso 2010-2011.

Os horarios e lugar das xuntanzas serán os habituais: ás oito menos cuarto da tarde no Ateneo do Bar Plaza.

Feliz verán!

29/6/10

Programa de intercambio de libros de texto para alumnos de bacharelato

Foto de sergis blob

Entre os proxectos que temos pensado levar a cabo o vindeiro curso está a creación dun Banco de libros. Trátase basicamente de organizar dende a ANPA un intercambio entre entre as familias asociadas dos libros de texto. Para elo as persoas participantes entregaríamos os libros que xa non necesitamos e recibiríamos libros dos que doaron outras familias. Este ano empezaríase cos alumnos que empezan 1º ou 2º de bacharelato e, se sae ben, ampliarase á E.S.O no curso seguinte.

Os obxectivos deste programa son:
  • Favorecer o aforro de cartos nas familias
  • Fomentar no alumnado o sentido da solidariedade.
  • Fomentar a idea da necesidade de conservación dos libros como instrumento de formación e coñecemento.
  • Educar na conservación do medio ambiente a través do aproveitamento de materias primas.

Os pais interesados deberán ser socios da ANPA e comprometerse a:
  • Doar os libros que teñan do curso anterior
  • Coidar os libros: repoñer os forros deteriorados ou forrar os que non teñan forro, non escribir neles, etc.
  • Devolver os que se reciban en préstamo cando remate o curso
  • Cubrir a ficha (pinchade na ligazón para acceder) con tódolos datos requiridos pola ANPA cando entreguen os libros.
Esperamos que o proxecto sexa do voso interese e que colaboremos todos.

Podedes poñervos en contacto con nós no correo da ANPA anpacaramecheiro(arroba)hotmail.com ou nos teléfonos de Nacho: 607446536 e Leo: 666457338

9/6/10

Muiñada de Amendo 2010

Este sábado 12 de xuño, a ANPA ten o gusto de convidar a todas as familias do alumnado e persoal do instituto número 1 de Ribeira á muiñada de Amendo que organiza a Asociación Cultural Altofalante.

Como podedes ver no cartel, desde as 10 da mañá ata ben entrada a tarde haberá numerosas actividades aptas para todo o público e todas as idades.

Dende a ANPA apoiamos esta iniciativa, porque cremos que é un moi bo xeito de gozar dunha xornada dun sábado en familia, nun entorno natural que temos a obriga de coñecer, conservar e recuperar.

Xa sabedes que imos compartir o xantar entre todos os asistentes. Pero non levedes só comida, levade tamén moitas gañas de divertirse, alegría e cantareiras. Asegúrovos que non os ides a aburrir.

E se non podedes ir todo o día, darvos unha voltiña en calquera momento. De seguro que seredes benvidos.

3/6/10

La pista de arena / Andrea Camilleri


A próxima reunión do club de lectura terá lugar o próximo 17 de xuño ás oito menos cuarto da tarde (19:45 horas) no bar Plaza.

O libro que imos a comentar é "La pista de arena" do autor Andrea Camilleri (Editorial Salamandra).

28/5/10

Consello Escolar Xuño

Para o día 2 de xuño hai convocado un Consello Escolar ca seguinte orde do día:

ORDE do DÍA

1.- Lectura e aprobación, se procede, das actas das reunións anteriores.

2.- Aprobación, se procede, do proxecto lector e as liñas de actuación da biblioteca.

3.- Informe sobre o proxecto “Abalar”.

4.- Análise dos resultados de avaliación de diagnóstico.

5.- Rogos e preguntas.

Invitámosvos a participar con calquera achega que queirades facer. Podedes poñervos en contacto co correo da ANPA ou co meu jorganes (arroba) gmail (punto) com

4/5/10

Menos cartos para o ensino

A Mesa pola Normalización Lingüística de Barbanza, faime chegar este documento para que o comparta con vosoutros.

Outra ves vemos recortado o orzamento público no eido do ensino, pero neste caso, eu creo que é especialmente grave, pois por espurios motivos, están a atacar a lingua de Galiza que é parte esencial da nosa cultura.

22/4/10

Books



Cóntanme quen asistiu o xoves pasado (15/04/2010) a xuntanza ao redor do libro "La jaula de oro", que estivo moi interesante.

Contaron coa inesperada e afortunada visita de Aqi (?), unha persoa de nacionalidade iraní que se achegou a nós da man de Marusela e que exerceu de comentarista privilexiado dado o seu coñecemento da situación.

Ao remate da sesión decidiuse de escolmar dous textos de lectura para as dúas vindeiras sesións.

Sesión do 27 de maio: MARTIN EDEM, de Jack London

Sesión de xuño (pendente de confirmarse a data) LA PISTA DE ARENA de Andrea Camilleri (Editorial Salamandra)

24/3/10


Supoño que sabedes que o noso club de lectura está crecendo, e agora vámonos xuntar co club do IES Leliadoura e tamén co club que van poñer a andar no IES Coroso.

Co fin de coordinarmos temos posto en marcha un grupo de google. Dende alí pasarannos todas as informacións relativas ao libro que imos ler ou a calquera incidencia. Para darte de alta só tes que mandar un correo electrónico a cafeplaza(arroba)gmail.com solicitándoo.

A próxima xuntanza do club será o día 15 de abril ás 20:00 (oito da tarde) no Ateneo do Bar Plaza. Para entón teremos que ler o libro da premio Nobel da paz Shirin Ebadi "La jaula de oro"

Boas lecturas!

19/1/10


A xuntanza do noso Club de lectura vaise aprazar ata o xoves día 4 de Febreiro. Os motivos do aprazamento son varios: por unha banda o Bar Plaza está pechado durante o mes de Xaneiro, o día 21 (inicialmente programado para a xuntanza) é o día no que se convocara unha folga xeral no ensino contra o proxecto de decreto de plurilingüismo no ensino no universitario.

Ademais o autor de "Casas baratas" Antón Riveiro Coello xa confirmou que poderá asistir o día 4 á nosa xuntanza. Polo tanto, se non hai outro aviso, vémonos o día catro de febreiro ás oito menos cuarto da tarde (19:45) no Ateneo do Bar Plaza.

Se non comezastes a ler o libro, aínda tedes tempo. Animádevos!