19/12/12

Por outra saída da crise

 A Alianza Social Galega, da que facemos parte a través da CONFAPA, convoca mobilizacións para o vindeiro 20 de decembro en varias localidades do noso país contra as últimas medidas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy. En Ribeira, haberá unha concentración na Praza do Concello ás oito da tarde.

Este Goberno prosegue a súa política de destrución do sistema educativo público cos recortes e coa nova reforma educativa (LOMCE) que combate os principios de comprensión, equidade e calidade, para consolidar un ensino dual mediante a estratexia de abandonar á súa sorte a educación pública e potenciar a privada concertada, ao tempo que converte o sistema educativo nunha carreira de obstáculos, insuperables para quen ten máis dificultades de aprendizaxe e menos recursos económicos.

O anteproxecto presentado, imbuído de afán privatizador e mesmo subvencionador de centros que segregan alumnado por razón de sexo, serve de máscara para afondar nunha reforma ideolóxica do sistema educativo segregadora, elitista e selectiva. Supón un retroceso na xestión democrática dos centros, impón reválidas para conseguir o título de ESO e bacharelato, desbota a educación en valores e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado.

Rexeita aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada; e incrementa as ratios e as horas lectivas do profesorado, que repercutirán no empeoramento da calidade do ensino e no abandono e fracaso escolar.
Reforza a confesionalidade, é contrario ao ensino laico e mantén o ensino de relixión no currículo escolar.

Hai máis motivos para a mobilización. Pódelos ver no manifesto adxunto. Entre eles destacan a decisión do Goberno de non revalorizar as pensións, os recortes na sanidade e Lei de taxas xudiciais. Como parte das reivindicacións tamén estará a esixencia de reformar a normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.

17/12/12

Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa e promoción da sanidade pública

A ANPA Caramecheiro do IES número 1 de Ribeira, como asociación membro da Plataforma SOS Sanidade Pública da Barbanza, ven de remitir este texto ás deputadas e deputados do Parlamento Galego para que apoien a Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa e promoción da sanidade pública que será defendida o vindeiro martes:

Solicitámoslle o seu apoio á toma en consideración da ILP en defensa da sanidade pública.
Garantir por lei o dereito á saúde e á asistencia sanitaria no sistema público, con xestión e financiamento público, e respectando as áreas de saúde, daríalle seguridade á cidadanía, preocupada e temerosa neste momento polo futuro en xeral e polo futuro da sanidade pública en particular.
Apoiar esta iniciativa lexislativa, avalada por moitos miles de persoas coa súa sinatura e ilusión, é unha demostración de que este Parlamento está en contra da privatización e de que o lucro e o negocio se fagan a costa da nosa saúde.
Esperando o seu apoio, reciba un saúdo

10/12/12

Escola Deportiva de Actividade Física, Lúdica e Lixeira



A ANPA Caramecheiro puxo recentemente en marcha para o este curso 201/2013, unha Escola Deportiva de Adultos de Actividade Física, Lúdica e Lixeira que será impartida por un profesional licenciado en Educación Física. 

Esta actividade está dirixida  a todas familias do centro:
Días: martes, xoves e venres
Horario: de 20.30 a 21.30 h
Prezo: 15 euros/mes (socios) e 20 euros/mes (non socios)
Lugar de realización: Pavillón polideportivo do I.E.S. Nº1
Inscricións: as inscricións poderán facerse nos días, horas e lugar indicados

Se precisades máis información podedes enviar un correo electrónico a anpacaramecheiro@gmail.com

14/11/12

A Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza fai un chamamento á cidadanía a participar activamente na folga xeral do 14 de novembro




Rianxo. 7-11-2012. A Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza, en atención ao seu propio principio constitutivo, a formación dun marco de deliberación crítica e acción consensuada, aberta permanentemente a toda a cidadanía, ten como obxectivo inmediato a posta en valor do SERVIZO PÚBLICO DO ENSINO E, POR EXTENSIÓN, DE TODO O SERVIZO PÚBLICO.

Esta Asemblea, formada por profesorado de todos os niveis educativos dos centros da comarca, así como asociacións de pais e nais, e alumnado, acordou, na reunión celebrada o mércores, 7 de novembro, no IES Felix Muriel de Rianxo, apoiar a Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro. Consideramos, dende a Asemblea, que as políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español desmantelan o modelo do benestar e levan a cidadanía a un empobrecemento masivo e, polo tanto, a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria.

A Asemblea súmase á Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro por compartir os motivos da súa convocatoria, entre os que cabe sinalar o rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais,  a suba do ive, a amnistía fiscal a quen defrauda, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos ou a deterioración e privatización dos servizos públicos, nomeadamente os recortes que se están a producir no Ensino Público así como a reforma educativa iniciada polo goberno do Estado. Por todo isto, a Asemblea fai un chamamento á cidadanía a participar activamente nesta Folga.

Esta Asemblea tamén valorou moi positivamente a concentración do 17 de outubro en Ribeira así como o respaldo que obtiveron as mobilizacións do alumnado en defensa do Ensino Público en toda a comarca, con especial importancia naqueles centros onde as ANPAS estaban informadas, resaltando, entre outros, a resposta do alumnado do IES Felix Muriel de Rianxo, no que secundaron a folga o 70%, ou a dos IES nº 1 e Leliadoura de Ribeira, onde foi secundada polo 90%, alcanzando o 95% no CEIP de Aguiño.

Na menciona xuntanza a Asemblea decidiu, así mesmo, continuar con máis mobilizacións en defensa do ensino público que se anunciarán oportunamente. 


Próxima reunión da Asemblea: o día 28 de novembro, ás 7 da tarde, no IES A Cachada, Boiro

19/7/12

No ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos aruínen

Polo seu interese reproducimos escrito recibido da Federación Provincial de ANPAs da Coruña:

 Baixo o lema «NON AO SAQUEO DO POBO. HAI QUE IMPEDIR QUE NOS ARRUÍNEN», UGT, CCOO e CIG, convocan manifestacións unitarias o vindeiro xoves, día 19 de xullo, nas principais cidades e vilas galegas. 

A Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de A Coruña, avala esta convocatoria ante a preocupación pola política de recortes que vén aplicando o goberno do Estado e o seguidismo irresponsable do goberno da Xunta de Galicia, que pretende desmontar o Estado Social, paralizando o proceso civilizatorio e o progreso social, especialmente contra a Escola Pública, contra do Ensino Público e os servizos públicos fundamentais. 

Igualmente, como organización, queremos celebrar esta convocatoria unitaria, superando diferenzas lexítimas que, en todo caso, creemos non poden hipotecar ou anular a necesidade de organizar a resposta social diante desta política económica da desolación que non podemos nin imos tolerar. Esta Federación, ten como obxectivo, participar activamente e propiciar a unidade de acción das organizacións sociais, en defensa dos dereitos básicos, como é o da Educación e a supervivencia do Ensino Público, respectando os lexítimos sinais de identidade de cada un. 

Que valores imos transmitir aos nosos fillos e fillas, que exemplo lles imos dar, se os especuladores, todos aqueles que xogaron á economía do casino saen totalmente indemnes das súas actuacións, moitas veces delituosas, e aos cales viven honradamente do seu traballo recórtanselles dereitos e quedan en situación de indefensión? 

 Os recortes e as reformas non nos permitirán saír da crise, é a crise a escusa para que o Goberno aprobe recortes e reformas. Estase a substituír gastos en educación, sanidade e servizos sociais por alimentar a especulación en torno á débeda pública e así rematar co pacto social que redistribuía os gastos por parte do Estado para evitar o crecemento das desigualdades sociáis. 

Algunhas organizacións como esta Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de A Coruña, defendemos a escola pública durante toda a nosa existencia, facendo diso a nosa razón de ser. Por iso, convocamos a todas as nais e pais de alumnos dos Centros Públicos, a todas as ANPAS da provincia a participar, a defender os dereitos dos nosos fillos e fillas, a dignidade, a calidade do Ensino Público, tomando conciencia do momento histórico que vivimos no que está en xogo a esperanza dun futuro mellor para os nosos fillos e fillas.

  •  SANTIAGO: Saída Alameda 20:00. Chegada Praza das Praterías.
  •  FERROL: Saída O Infermiño 20:30. Chegada Praza de Armas. 
  • A CORUÑA: Saída Praza da Palloza 20:00. Chegada Praza do Obelisco ou Subdelegación do Goberno (Manifestación central). 

 A Coruña, 16 de xullo de 2012 

XUNTA DIRECTIVA DA FEDERACIÓN PROVINCIAL DE ANPAS DE CENTROS PÚBLICOS DE A CORUÑA. 

Asdo.: Lóis Uxío Taboada Arribe Vicepresidente.

20/6/12


PANOS BRANCOS CONTRA A DROGA

O Concello de Riveira, Asociación Renacer e a Fundación Galega contra o Narcotráfico organizan, un ano máis, a campaña de sensibilización social “Panos brancos contra a droga”.

O acto central de Panos Brancos consiste nun pequeno percorrido, o sábado 23 de xuño, a partir da 11.30 h, por diversas rúas da cidade no que personalidades e autoridades portan a bandeira branca como símbolo do rexeitamento da sociedade galega fronte ao narcotráfico e como aposta por unha vida libre de adiccións.

Contando coa colaboración das ANPAs de Riveira, estas asociacións participan na medida do posible como abandeiradas na marcha branca durante o percorrido pola cidade.


PANOS BRANCOS CONTRA A DROGA. ACTOS CENTRAIS

Riveira. 23 de xuño (sábado). 11.30 a 12.30 h.

Actos previstos

Lectura do Manifesto Panos Brancos 2012

Saída dende o Concello de Riveira e percorrido da bandeira polas rúas do contorno.

Firma da bandeira branca contra a droga.

Actuacións artísticas e musicais.

31/5/12

AS ANPAS DO CONCELLO APOIAMOS O PECHE POLO ENSINO PÚBLICO








As ANPAs dos centros públicos de todos os niveis de ensino do Concello apoiamos o peche contra os recortes no ensino público. A educación é un servizo público fundamental na nosa sociedade do que depende o futuro do noso pobo. Polo tanto, as administracións públicas deben garantir a igualdade de oportunidades para todo o alumnado e non mercadear co futuro de nosas fillas e fillos. Calquera nena ou neno debe poder ser escolarizado en pé de igualdade e equidade co resto dos seus compañeiros, independentemente das súas capacidades, a súa extracción social. A educación ten que ser de calidade para todos, e por iso o compromiso das Administracións co ensino público non admite recortes o molestias.

Por este motivo, apoiamos e convidamos ás familias do alumnado de calquera centro de estudo de calquera nivel do concello a participar xunto có profesorado e o alumnado de maior idade dos centros públicos do Concello a apoiar o peche que durante 24 horas a partir de hoxe ás cinco da tarde vaise levar a cabo no IES número 1. 

No noso Concello os recortes comezaron antes que noutros concellos, co peche dun centro de ensino secundario que prometeron ía ser reconvertido nun centro integrado de FP, pero no que hoxe non ten novos ciclos nin dispón de suficiente profesorado. En outros centros de ensino non se abren novas liñas cando se acada a ratio máxima, e se obriga ao alumnado non escolarizado a desprazarse cara a outros centros en ocasións moi distantes. Suprímese persoal de apoio ou orientación, o que va en detrimento dun ensino que posibilite a atención á diversidade. Tamén o concello de Ribeira foi discriminado cun transporte escolar inseguro e ilegal; mais a Xunta, en lugar de arranxalo, ameaza con suprimilo para o vindeiro ano. A dotación dos centros diminuíu radicalmente, e en algún atópanse graves eivas de mantemento e limpeza.

Con todo, agora, os nosos responsables políticos que fan regalías á banca por decenas de miles de euros, ameazan con facer novos recortes sobre a educación:

  • Incremento das ratios de alumnos por aula (30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato). Esta masificación impide a atención personalizada, no se atenderán as necesidades específicas e aumentará o fracaso escolar.
  • Non substituír ao profesorado durante as dúas primeiras semanas de baixa, o que fará que o alumnado sexa custodiado por profesorado sen a especialidade programada. O incremento do horario lectivo semanal do profesorado tamén redundará nunha merma da calidade do ensino.
  • Eliminar o requisito de ofertar cando menos dúas modalidades de bacharelato, o que obrigará ao alumnado a desprazarse a outro centro onde conte coa especialidade que quere estudar.
  • Atrásase a implantación dos novos ciclos de FP que adaptan as ensinanzas á realidade laboral.
  • Incremento de taxas universitarias e a restrición na política de bolsas. Achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social. Supón un paso máis cara á privatización das universidades.
  • A redución orzamentaria das universidades limitará a súa función investigadora.

3/5/12

Participa no concurso "Lingua de namorar".

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos. O concurso Lingua de namorar consiste en enviar unha mensaxe de amor, dun máximo de 350 caracteres, que poderá redactarse en prosa ou en verso. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Establécense dúas categorías de idade: Categoría A: de 14 a 19 anos;  Categoría B: de 20 a 35 anos.

 As mensaxes gañadoras recibirán os seguintes premios:
 - Categoría A: 1º Un computador netbook,  2º Unha consola Wii,  3º Unha cámara de fotos dixital.
 - Categoría B: 1º Un iPad,  2º Un libro electrónico cunha selección de títulos en galego,  3º Unha cámara de fotos dixital.

 O prazo de presentación permanecerá aberto ata o día 17 de maio de 2012.

 Máis info no enlace:
  http://xuventude.xunta.es/201204237349/bases-do-concurso-lingua-de-namorar.html

4/4/12

Mostra do Ensino Galicia 2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria esta a organizar a Mostra do Ensino Galicia 2012, que terá lugar entre os días 11 e 14 de abril no recinto feiral de EXPOCoruña, coa finalidade de presentar á comunidade educativa e á sociedade en xeral os cambios que se están a promover no sistema educativo de Galicia.

Máis información en http://www.mostradoensino.es/

7/3/12

Formación en linguas estranxeiras no ano 2012

A Consellería de Cultura e Educación convoca axudas para realizar as actividades de formación lingüística durante o ano 2012, dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.
O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2012, coa excepción das actividades de integración, que se desenvolverán no inicio do curso 2012-2013.

Mais Información: http://xuventude.xunta.es/201203056785/formacion-en-linguas-estranxeiras-no-ano-2012.html

Campaña de verán: Acción de Verán 2012

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, convoca, unha vez máis, a Campaña de Verán 2012, para favorecer que a xuventude empregue parte do seu tempo vacacional en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan no só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional.

Mais Información: http://xuventude.xunta.es/201203056798/campana-de-veran-accion-de-veran-2012.html

2/3/12

Tempos difíciles


Próxima xuntanza do club de lectura o día 22 de Marzo as 20:30 no Ateneo Valle Inclán para falar da obra "Tempos difíciles" de Charles Dickens.

A obra pódese descargar en castelán e en inglés na Wikipedia: Tempos difíciles. Tamén hai un audiolibro dispoñible en inglés. Pode ser unha magnífica ocasión para practicar o idioma do autor, lendo o libro ao tempo que o escoitades no voso libro electrónico.

25/2/12

RECOLLIDA DE ALIMENTOS - SOLIDARIEDADE GALEGA CO POBO SAHARAUI

A asociación "SOLIDARIEDADE GALEGA CO POBO SAHARAUI" está desenvolvendo unha campaña denominada "Caravana pola paz" consistente na recollida de alimentos para enviar aos campamentos saharauis debido a que a axuda internacional viuse reducida drasticamente nos últimos tempos e a situación nestes momentos é grave.

Por este motivo, algúns membros do profesorado do IES Nº 1 ca colaboración da ANPA Caramecheiro do IES Nº1 deciden participar na campaña e para iso solicitan a colaboración e implicación do alumnado e das familias para levar a cabo esta campaña.

Os alimentos que se precisan son:

GARABANZOS
LENTELLAS
ACEITE DE OLIVA
ATÚN


A campaña desenvolverase da seguinte maneira:

O luns 27 de febreiro repartirase a todo o alumnado unha circular de información ás familias. Nesa circular pedirase a cada alumno/a que aporte algún dos alimentos da lista. A recollida farase o mércores 29 de febreiro, clase por clase. Ademais habilitarase un punto de recollida na entrada para que calquera outra persoa que queira colaborar poida facelo. Se alguén se esquecese ese día, aínda nos quedaría o xoves o punto de recollida na entrada.

Graciñas pola colaboración de tod@s...

24/2/12

CONCENTRACION PACÍFICA, LUNS 27 FEBREIRO, EN REPULSA POLAS CARGAS POLICIALES CONTRA OS ESTUDIANTES EN VALENCIA...


Convocatoria para todos os Institutos de Educación Secundaria do Estado a concentrarse nos seus centros, en silencio e pacíficamente, durante 5 minutos, o próximo luns 27 de febreiro as 12:00, en repulsa polas cargas policiales contra os estudiantes en Valencia...

3/2/12

VISITA ORIENTACION A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 FEBREIRO 2012



VISITA PROGRAMADA DE ORIENTACION A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
DIA 9 DE FEBREIRO DE 2012
INFORMACION DE PERCORRIDOS E FOLLA DE AUTORIZACION

12/1/12

Listado de TODO o profesorado do centro IES Nº1 cunha hora de atención a pais/nais.


Listado de TODO o profesorado do centro IES Nº1 cunha hora de atención a pais/nais. Tamén se pode pedir cita ben como ata o de agora a través das titoras e titores, telefonicamente (981 871 103) ou a través do correo-e do centro (ies.numero1.ribeira@edu.xunta.es).

10/1/12

Lecturas para o comezo do ano

Temos tres magníficas propostas de lectura para este comezo de ano.

A primeira de elas é unha novela policial do autor grego Petros Márkaris: Con el agua al cuello. Es unha interesante novela en la que el comisario Jaritos investiga unha serie de asasinatos na Grecia da crise. As personaxes fan interesantes reflexións sobre a situación social, económica e política da Grecia do verán do 2010, e que desgraciadamente recordan moito á España de hoxe. Para máis información podedes ler esta reseña e esta entrevista ao autor. A xuntanza para falar do libro terémola o vindeiro xoves día 26 no Ateneo do Bar Plaza ás oito e media da tarde.

Para finais do vindeiro mes, se todo vai como está previsto, imos ler As fiandeiras do noso profesor de historia Antonio Piñeiro. Este libro foi escollido por unanimidade do xurado como premio García Barros 2011. Agardamos poder contar co autor nos nosos encontros lectores.

Finalmente, e para animar ás persoas máis novas á lectura, temos tamén proxectada a lectura de El héroe un cómic de David Rubín. Tamén queremos --se cadra-- que veña o seu autor a asinar exemplares a Ribeira.