31/5/12

AS ANPAS DO CONCELLO APOIAMOS O PECHE POLO ENSINO PÚBLICO








As ANPAs dos centros públicos de todos os niveis de ensino do Concello apoiamos o peche contra os recortes no ensino público. A educación é un servizo público fundamental na nosa sociedade do que depende o futuro do noso pobo. Polo tanto, as administracións públicas deben garantir a igualdade de oportunidades para todo o alumnado e non mercadear co futuro de nosas fillas e fillos. Calquera nena ou neno debe poder ser escolarizado en pé de igualdade e equidade co resto dos seus compañeiros, independentemente das súas capacidades, a súa extracción social. A educación ten que ser de calidade para todos, e por iso o compromiso das Administracións co ensino público non admite recortes o molestias.

Por este motivo, apoiamos e convidamos ás familias do alumnado de calquera centro de estudo de calquera nivel do concello a participar xunto có profesorado e o alumnado de maior idade dos centros públicos do Concello a apoiar o peche que durante 24 horas a partir de hoxe ás cinco da tarde vaise levar a cabo no IES número 1. 

No noso Concello os recortes comezaron antes que noutros concellos, co peche dun centro de ensino secundario que prometeron ía ser reconvertido nun centro integrado de FP, pero no que hoxe non ten novos ciclos nin dispón de suficiente profesorado. En outros centros de ensino non se abren novas liñas cando se acada a ratio máxima, e se obriga ao alumnado non escolarizado a desprazarse cara a outros centros en ocasións moi distantes. Suprímese persoal de apoio ou orientación, o que va en detrimento dun ensino que posibilite a atención á diversidade. Tamén o concello de Ribeira foi discriminado cun transporte escolar inseguro e ilegal; mais a Xunta, en lugar de arranxalo, ameaza con suprimilo para o vindeiro ano. A dotación dos centros diminuíu radicalmente, e en algún atópanse graves eivas de mantemento e limpeza.

Con todo, agora, os nosos responsables políticos que fan regalías á banca por decenas de miles de euros, ameazan con facer novos recortes sobre a educación:

  • Incremento das ratios de alumnos por aula (30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato). Esta masificación impide a atención personalizada, no se atenderán as necesidades específicas e aumentará o fracaso escolar.
  • Non substituír ao profesorado durante as dúas primeiras semanas de baixa, o que fará que o alumnado sexa custodiado por profesorado sen a especialidade programada. O incremento do horario lectivo semanal do profesorado tamén redundará nunha merma da calidade do ensino.
  • Eliminar o requisito de ofertar cando menos dúas modalidades de bacharelato, o que obrigará ao alumnado a desprazarse a outro centro onde conte coa especialidade que quere estudar.
  • Atrásase a implantación dos novos ciclos de FP que adaptan as ensinanzas á realidade laboral.
  • Incremento de taxas universitarias e a restrición na política de bolsas. Achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social. Supón un paso máis cara á privatización das universidades.
  • A redución orzamentaria das universidades limitará a súa función investigadora.

3/5/12

Participa no concurso "Lingua de namorar".

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos. O concurso Lingua de namorar consiste en enviar unha mensaxe de amor, dun máximo de 350 caracteres, que poderá redactarse en prosa ou en verso. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Establécense dúas categorías de idade: Categoría A: de 14 a 19 anos;  Categoría B: de 20 a 35 anos.

 As mensaxes gañadoras recibirán os seguintes premios:
 - Categoría A: 1º Un computador netbook,  2º Unha consola Wii,  3º Unha cámara de fotos dixital.
 - Categoría B: 1º Un iPad,  2º Un libro electrónico cunha selección de títulos en galego,  3º Unha cámara de fotos dixital.

 O prazo de presentación permanecerá aberto ata o día 17 de maio de 2012.

 Máis info no enlace:
  http://xuventude.xunta.es/201204237349/bases-do-concurso-lingua-de-namorar.html