14/11/12

A Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza fai un chamamento á cidadanía a participar activamente na folga xeral do 14 de novembro




Rianxo. 7-11-2012. A Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza, en atención ao seu propio principio constitutivo, a formación dun marco de deliberación crítica e acción consensuada, aberta permanentemente a toda a cidadanía, ten como obxectivo inmediato a posta en valor do SERVIZO PÚBLICO DO ENSINO E, POR EXTENSIÓN, DE TODO O SERVIZO PÚBLICO.

Esta Asemblea, formada por profesorado de todos os niveis educativos dos centros da comarca, así como asociacións de pais e nais, e alumnado, acordou, na reunión celebrada o mércores, 7 de novembro, no IES Felix Muriel de Rianxo, apoiar a Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro. Consideramos, dende a Asemblea, que as políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español desmantelan o modelo do benestar e levan a cidadanía a un empobrecemento masivo e, polo tanto, a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria.

A Asemblea súmase á Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro por compartir os motivos da súa convocatoria, entre os que cabe sinalar o rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais,  a suba do ive, a amnistía fiscal a quen defrauda, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos ou a deterioración e privatización dos servizos públicos, nomeadamente os recortes que se están a producir no Ensino Público así como a reforma educativa iniciada polo goberno do Estado. Por todo isto, a Asemblea fai un chamamento á cidadanía a participar activamente nesta Folga.

Esta Asemblea tamén valorou moi positivamente a concentración do 17 de outubro en Ribeira así como o respaldo que obtiveron as mobilizacións do alumnado en defensa do Ensino Público en toda a comarca, con especial importancia naqueles centros onde as ANPAS estaban informadas, resaltando, entre outros, a resposta do alumnado do IES Felix Muriel de Rianxo, no que secundaron a folga o 70%, ou a dos IES nº 1 e Leliadoura de Ribeira, onde foi secundada polo 90%, alcanzando o 95% no CEIP de Aguiño.

Na menciona xuntanza a Asemblea decidiu, así mesmo, continuar con máis mobilizacións en defensa do ensino público que se anunciarán oportunamente. 


Próxima reunión da Asemblea: o día 28 de novembro, ás 7 da tarde, no IES A Cachada, Boiro

No hay comentarios: