19/12/12

Por outra saída da crise

 A Alianza Social Galega, da que facemos parte a través da CONFAPA, convoca mobilizacións para o vindeiro 20 de decembro en varias localidades do noso país contra as últimas medidas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy. En Ribeira, haberá unha concentración na Praza do Concello ás oito da tarde.

Este Goberno prosegue a súa política de destrución do sistema educativo público cos recortes e coa nova reforma educativa (LOMCE) que combate os principios de comprensión, equidade e calidade, para consolidar un ensino dual mediante a estratexia de abandonar á súa sorte a educación pública e potenciar a privada concertada, ao tempo que converte o sistema educativo nunha carreira de obstáculos, insuperables para quen ten máis dificultades de aprendizaxe e menos recursos económicos.

O anteproxecto presentado, imbuído de afán privatizador e mesmo subvencionador de centros que segregan alumnado por razón de sexo, serve de máscara para afondar nunha reforma ideolóxica do sistema educativo segregadora, elitista e selectiva. Supón un retroceso na xestión democrática dos centros, impón reválidas para conseguir o título de ESO e bacharelato, desbota a educación en valores e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado.

Rexeita aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada; e incrementa as ratios e as horas lectivas do profesorado, que repercutirán no empeoramento da calidade do ensino e no abandono e fracaso escolar.
Reforza a confesionalidade, é contrario ao ensino laico e mantén o ensino de relixión no currículo escolar.

Hai máis motivos para a mobilización. Pódelos ver no manifesto adxunto. Entre eles destacan a decisión do Goberno de non revalorizar as pensións, os recortes na sanidade e Lei de taxas xudiciais. Como parte das reivindicacións tamén estará a esixencia de reformar a normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.

17/12/12

Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa e promoción da sanidade pública

A ANPA Caramecheiro do IES número 1 de Ribeira, como asociación membro da Plataforma SOS Sanidade Pública da Barbanza, ven de remitir este texto ás deputadas e deputados do Parlamento Galego para que apoien a Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa e promoción da sanidade pública que será defendida o vindeiro martes:

Solicitámoslle o seu apoio á toma en consideración da ILP en defensa da sanidade pública.
Garantir por lei o dereito á saúde e á asistencia sanitaria no sistema público, con xestión e financiamento público, e respectando as áreas de saúde, daríalle seguridade á cidadanía, preocupada e temerosa neste momento polo futuro en xeral e polo futuro da sanidade pública en particular.
Apoiar esta iniciativa lexislativa, avalada por moitos miles de persoas coa súa sinatura e ilusión, é unha demostración de que este Parlamento está en contra da privatización e de que o lucro e o negocio se fagan a costa da nosa saúde.
Esperando o seu apoio, reciba un saúdo

10/12/12

Escola Deportiva de Actividade Física, Lúdica e Lixeira



A ANPA Caramecheiro puxo recentemente en marcha para o este curso 201/2013, unha Escola Deportiva de Adultos de Actividade Física, Lúdica e Lixeira que será impartida por un profesional licenciado en Educación Física. 

Esta actividade está dirixida  a todas familias do centro:
Días: martes, xoves e venres
Horario: de 20.30 a 21.30 h
Prezo: 15 euros/mes (socios) e 20 euros/mes (non socios)
Lugar de realización: Pavillón polideportivo do I.E.S. Nº1
Inscricións: as inscricións poderán facerse nos días, horas e lugar indicados

Se precisades máis información podedes enviar un correo electrónico a anpacaramecheiro@gmail.com