19/12/12

Por outra saída da crise

 A Alianza Social Galega, da que facemos parte a través da CONFAPA, convoca mobilizacións para o vindeiro 20 de decembro en varias localidades do noso país contra as últimas medidas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy. En Ribeira, haberá unha concentración na Praza do Concello ás oito da tarde.

Este Goberno prosegue a súa política de destrución do sistema educativo público cos recortes e coa nova reforma educativa (LOMCE) que combate os principios de comprensión, equidade e calidade, para consolidar un ensino dual mediante a estratexia de abandonar á súa sorte a educación pública e potenciar a privada concertada, ao tempo que converte o sistema educativo nunha carreira de obstáculos, insuperables para quen ten máis dificultades de aprendizaxe e menos recursos económicos.

O anteproxecto presentado, imbuído de afán privatizador e mesmo subvencionador de centros que segregan alumnado por razón de sexo, serve de máscara para afondar nunha reforma ideolóxica do sistema educativo segregadora, elitista e selectiva. Supón un retroceso na xestión democrática dos centros, impón reválidas para conseguir o título de ESO e bacharelato, desbota a educación en valores e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado.

Rexeita aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada; e incrementa as ratios e as horas lectivas do profesorado, que repercutirán no empeoramento da calidade do ensino e no abandono e fracaso escolar.
Reforza a confesionalidade, é contrario ao ensino laico e mantén o ensino de relixión no currículo escolar.

Hai máis motivos para a mobilización. Pódelos ver no manifesto adxunto. Entre eles destacan a decisión do Goberno de non revalorizar as pensións, os recortes na sanidade e Lei de taxas xudiciais. Como parte das reivindicacións tamén estará a esixencia de reformar a normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.

No hay comentarios: