7/11/13









              

 

“TALLER DE PREVENCIÓN DO ACOSO ESCOLAR” DO IES Nº1 DE RIBEIRA

Charla presentación impartida por Carmen Morell Muñoz


VENRES, 15 de NOVEMBRO
ÁS 19.30 H
SALÓN DE ACTOS DO CENTRO CULTURAL LUSTRES RIVAS
R/ Manuel Lustres Rivas, 20, 2º (fronte á Biblioteca Municipal)

Queremos invitar a toda a comunidade escolar dos Centros Públicos de Ribeira a esta charla para dar a coñecer o “Taller de Prevención do Acoso Escolar” que se vai realizar para os alumnos de 2º de ESO no IES Nº1 de Ribeira. Este taller constará de dúas sesión mensuais (sempre no horario escolar das materias de cidadanía ou titoría…) durante os próximos 6 meses.
Tanto a Charla coma o Taller forman parte dun proxecto que a ANPA Caramecheiro do IES Nº 1 vén valorando desde o curso pasado ao observar a necesidade de información ás familias sobre a detección e prevención do acoso escolar, así como a actuación inmediata ante esta situación, pensando ademais que se trata dun problema que non sempre remata ao superar a adolescencia, senón que habitualmente se converte no xerme de futuros acosadores e acosadoras noutros ámbitos sociais e circunstancias (acosadores sexuais, laborais, familiares…).
Esperamos que sexa do voso interese, xa que é una actividade gratuíta totalmente subvencionada pola ANPA, o que supón un esforzo económico considerable para esta asociación, que se asume conscientemente dada a importancia que para a nosa comunidade ten esta oportunidade de despexar moitas dúbidas á hora de enfrontarse a un problema para o que non sempre contamos coa información precisa que nos facilite reaccionar con efectividade.
Por todo isto esperamos que aproveitedes esta oportunidade de contar cunha magnífica profesional licenciada en psicoloxía clínica, Carmen Morell Muñoz.
Ao rematar a charla entregaranse os premios do “Concurso fotográfico Samaín 2013”
Contamos coa vosa presenza. Un saúdo afectuoso!
                               Carmen Morell Muñoz
Terapeuta familiar ou sistémica desde hai máis de quince anos en consulta privada en Santiago de Compostela e recentemente en Ribeira. Desenvolve tamén o seu traballo como perito xudicial para casos de penal, familia e menores, traballou durante o tempo de duración dun programa (10 anos aprox.) en terapia familiar a menores inmersos en procesos xudiciais, ou doutro tipo, derivados por Menores á Asociación de Terapia Familiar de Galicia. Así mesmo exerce como terapeuta en programas de atención a vítimas de maltrato no ámbito familiar e no programa para homes con control de impulsos e condutas violentas no ámbito familiar, que están coordinados polo COPG e que dependen de Igualdade.
Impartiu cursos para estudantes universitarios e de secundaria sobre técnicas de estudo e mellora de rendemento; para homes condenados por delitos de maltrato nas relacións de parella, dependendo de Servizos Sociais Penitenciarios; para psicólogos/as sobre terapia familiar e realización de informes periciais en casos de familia e penal. Durante catro anos asumiu a presidencia da Sección de Psicoloxía Xurídica del Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o que lle supuxo traballar coordinando moitas actividades propias da sección e organizando cursos para profesionais da psicoloxía xurídica. Organizou tamén tres intercambios culturais entre Santiago de Cuba e Santiago de Compostela, o que implicaba a realización duns dez días de actividades abarcando todos os posibles ámbitos da cultura, cun grupo de artistas moi numeroso (unhas cincuenta persoas) consistente en actividades gratuítas, en hospitais infantís, en prazas, murais colectivos, teatro, música, cine, danza, circo, etc.
Isto é, de forma moi resumida, parte da experiencia profesional de Carmen Morell Muñoz en traballos que supoñan reeducar condutas e desenvolver e motivar os aspectos máis creativos en personalidades diversas e susceptibles en situacións especialmente delicadas. Isto dá unha idea das inquedanzas e aptitudes desta profesional e da grande oportunidade que se nos presenta ao contar con ela para a realización desta charla e do taller que de forma gratuíta  ofrece a ANPA Caramecheiro.

No hay comentarios: