Rianxo. 7-11-2012. A Asemblea en Defensa do Ensino Público da
Barbanza, en atención ao seu propio principio constitutivo, a formación dun
marco de deliberación crítica e acción consensuada, aberta permanentemente a
toda a cidadanía, ten como obxectivo inmediato a posta en valor do SERVIZO
PÚBLICO DO ENSINO E, POR EXTENSIÓN, DE TODO O SERVIZO PÚBLICO.
Esta
Asemblea, formada
por profesorado de todos os niveis educativos dos centros da comarca, así como
asociacións de pais e nais, e alumnado, acordou,
na reunión celebrada o mércores, 7 de novembro, no IES Felix Muriel de Rianxo, apoiar a Folga
Xeral do vindeiro 14 de novembro. Consideramos, dende a Asemblea, que as
políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español
desmantelan o modelo do benestar e levan a cidadanía a un empobrecemento masivo
e, polo tanto, a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria.
A Asemblea súmase á Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro por
compartir os motivos da súa convocatoria, entre os que cabe sinalar o
rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas
pensións e prestacións sociais, a suba
do ive, a amnistía fiscal a quen defrauda, o desmantelamento dos nosos sectores
produtivos básicos ou a deterioración e privatización dos servizos públicos,
nomeadamente os recortes que se están a producir no Ensino Público así como a
reforma educativa iniciada polo goberno do Estado. Por todo isto, a Asemblea
fai un chamamento á cidadanía a participar activamente nesta Folga.
Esta Asemblea tamén valorou moi positivamente a concentración do
17 de outubro en Ribeira así como o respaldo que obtiveron as mobilizacións do
alumnado en defensa do Ensino Público en toda a comarca, con especial
importancia naqueles centros onde as ANPAS estaban informadas, resaltando,
entre outros, a resposta do alumnado do IES Felix Muriel de Rianxo, no que
secundaron a folga o 70%, ou a dos IES nº 1 e Leliadoura de Ribeira, onde foi
secundada polo 90%, alcanzando o 95% no CEIP de Aguiño.
Na menciona xuntanza a Asemblea decidiu, así mesmo, continuar
con máis mobilizacións en defensa do ensino público que se anunciarán
oportunamente.
Próxima reunión da Asemblea: o día 28 de novembro, ás 7 da
tarde, no IES A Cachada, Boiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario