18 octubre 2009

Comenzo do Cine Club


Este curso estamos a poñer en marcha unha nova iniciativa da ANPA Caramecheiro en colaboración co profesorado da Biblioteca do Instituto número uno. Trátase dun cine club no que imos ver unha película aproximadamente por mes, para despois comentalas entre os asistentes.

A iniciativa xurdiu ante a boa acollida que tivo o ano pasado o Club de Lectura, e como unha actividade complementaria ao mesmo. Os que participamos o ano pasado do Club de Lectura, decatámonos que as reunións do mesmo, eran un bo punto de encontro entre o profesorado, as nais e os pais. Falando informalmente das lecturas, conseguimos un bo grado de achegamento e tamén falarmos das cousas que afectan ás noas fillas e fillos.

Este ano, queremos ir máis lonxe, e por iso temos invitado ás actividades ao alumnado de Bacharelato e de Educación para Adultos do centro.

As películas que imos ver tratarán de achegarnos ás culturas doutros países, para conseguir ter unha mellor comprensión das mesmas, e facilitar a convivencia entre todos.

A primeira proxección terá lugar no salón de actos do Instituto o xoves 22 de outubro ás 20:00 (oito da tarde). A película escollida para abrir o Cine Club é "O Camiño a Casa" do director chinés Yimou Zhang.

Conta a historia de Luo Yusheng, un home de negocios de éxito, que volve á súa aldea natal no Norte da China para ir ó funeral do seu pai, o profesor da escola local. Estrañado, observa como a súa nai insiste en que se segan todos os costumes e ritos ancestrais. Despois de tanto tempo fóra da casa e dos cambios que aconteceron na súa vida, Luo dáse conta do importante que foi a marabillosa historia de amor vivida polos seus pais.

14 abril 2009

Rosa Aneiros: Resistencia


No noso club de lectura, a vindeira semana faremos unha xuntanza extraordinaria. E é extraordinaria, non só porque imos saír un pouco do programa, senón porque contaremos coa autora do premio Arcebispo Juan de San Clemente á mellor novela en lingua galega: Rosa Aneiros.

A xuntanza terá lugar o martes 21 de abril no Salón de Actos do Instituto, e está encadrada dentro do programa da V Semana das Letras. A data é moi apropiada, pois a novela está ambientada na Revolução dos Cravos cuxo aniversario celebrarase o día 24.

Merece a pena pasarse pola web do Instituto e mirar o montón de actividades que ten programadas desde hoxe ata o final da vindeira semana. En algunhas (como en esta do Club de Lectura) tamén ten cabida o público en xeral.

Mirade que cartel máis guapo fixeron para a semana das letras:


Sen letras non hai paraíso


06 marzo 2009

Excursión á estación de Esquí de Manzaneda a fin de semana do 13 ó 15 de marzo

Ski de fond by Alain Bachellier


Temos previsto realizar unha excursión á estación de Esquí de Manzaneda a fin de semana do 13 ó 15 de marzo. A saída será o venres ás 16:00 horas dende o Instituto, e a chegada está prevista para o domingo entre as 20 e as 21 horas á estación de autobuses.

As rapazas e rapaces irán acompañados por monitores ao longo da fin de semana. Como outros anos terán a posibilidade de alugar os esquíes e de contar cunha persoa lles aprenda a esquiar. Ademais poderán facer uso da piscina cuberta de Manzaneda.

Agardamos que actividade sexa do interese de todos. Aquí tedes os prezos da excursión e a ficha de inscrición. O luns entre as sete e as oito da tarde estaremos no salón de actos do instituto para recoller as inscricións e para aclarar calquera dúbida sobre a actividade.

24 febrero 2009

"O Club da Calceta" de María Reimóndez

O pasado día 18 tivemos a nosa xuntanza no noso particular "club da calceta" para comentar as nosas impresións sobre a lectura da novela de Javier Reverte "Venga a nosotros tu reino". Xuntámonos no Ateneo do Bar Plaza un grupiño moi guapo, e estivemos moi a gusto falando un par de horas.

Acordamos ler neste mes "O club da calceta" de María Reimóndez. A idea é tratar de liar á autora para que veña ao noso faladoiro. Por iso a data da vindeira xuntanza queda aberta. Se a autora pode e quere vir a charlar connosco, pois será ela quen fixe a data. E se non, pois buscaremos unha data axeitada e xa avisaremos.

O libro témolo encargado na libraría Master. Pensamos que estarán ao disponibles a partir do mércores día 25.

Recordaros que se queredes participar do noso club que so tedes que achegaros. Que todo o mundo é benvido e que se queredes podeis invitar as persoas que lles apeteza.

13 febrero 2009

Becas Bacharelato Internacional


A Fundación Pedro Barrié de la Maza informounos de que dotan unha beca para o alumnado de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato que desexen cursar en algún dos Colexios do Mundo Unidos estudos de Bacharelato Internacional.

A beca ten unha duración de dous anos e unha dotación de 45.000 euros e concédese para a obtención do título de Bacharel Internacional. Con este título pódese acceder as universidades españolas facendo a selectividade a través da UNED.

As bases da convocatoria, están na web da Fundación Comité Español de los Colegios del Mundo Unido.

O prazo para a solicitude de becas remata o día 6 de marzo. O impreso de solicitude pódese descargar aquí.

O alumnado de primeiro de ESO tamén ten unhas becas para participar nun programa de inmersión lingüística en colonias de vacacións. A convocatoria pódese ver no BOE.

22 enero 2009

Javier Reverte: "Venga a nosotros tu reino!"


Este é o autor e título da próxima novela que imos a ler para o club de lectura. A Anpa ten encargados, desta volta, os libros na librería El León na rotonda de Padín.

O libro promete ser moi interesante. Para charlar sobre o libro, o divino e o humanos, imos reunirnos como a primeira vez no Ateneo do Bar Plaza o mércores 18 de febreiro as sete e media da tarde.

Xa sabedes que todas as persoas de Ribeira que gusten de ler, están invitadas á nosa xuntanza, pero moi especialmente as pertencentes as familias dos alumnos do IES número 1. Do que se trata é de gozar ca lectura e fomentala nas nosas fillas por imitación.

28 noviembre 2008

Comenza o club de lectura

Como sabedes, a ANPA, en colaboración co departamento de biblioteca do Instituto, ven de poñer en marcha un club de lectura para os familiares e achegados do alumnado do IES número 1.

A idea é que os adultos volvamos gozar ca lectura, para ver se somos que de animar ás rapazas e rapaces a que collan este vicio tan san.

A maioría dos que estades apuntados á primeira lectura, xa recollestes o libro ao que invitaba a ANPA. Os despistados, que apuren, pois xa só teñen pouco máis dun fin de semana para lelo. O libro é “Made in Galiza” de Séchu Sende, que se lé dun tirón. Se a alguén fíxoselle curta a súa lectura, pode completala lendo o blog de Séchu que ten o mesmo título que o libro e é moi interesante.

Xa sabedes que ímonos xuntar para comentar sobre a lectura o vindeiro día 3 ás 19:30 horas no Ateneo Valle-Inclán do Bar Plaza. Así achegamos as actividades do noso Instituto ao público de Ribeira que queira unírsenos. Séchu vai estar connosco para falar do seu libro.

Na xuntanza xa avisaremos do próximo libro que imos ler, e da vindeira reunión. E senón, pois consultade a nosa web ou o noso blog.

22 octubre 2008

Freemos o cambio climático


A ANPA Caramecheiro do IES número 1 de Ribeira, xunto co Departamento de Ciencias dese Instituto, acaba de presentar a exposición “Freemos o cambio climático”. Esta exposición, promovida polo colectivo ecoloxista Verdegaia, consta de 14 paneis, que se poden ver na biblioteca do Instituto dende hoxe ata o vindeiro día 7 de Novembro.

A exposición, que é unha adaptación a Galicia da concibida a nivel estatal por “Ecologistas en Acción”, explica que é o cambio climático, cales son os seus efectos a nivel mundial e na Península Ibérica, as súas causas, e trata de expoñer as mellores solucións para poñerlle freo.

Os obxectivos da exposición son concienciar ao alumnado sobre a magnitude e a urxencia do problema do cambio climático, e estimular a súa participación na loita contra o maior problema ambiental global.

Preténdese demostrar que o uso que facemos da enerxía na nosa actividade diaria (no transporte, a calefacción, a iluminación, etc.) contribúe ás emisións de CO2, o principal gas de invernadoiro. O alumnado, o profesorado, as familias e a sociedade en xeral, pode ser parte da solución ao cambio climático facendo un uso eficiente da enerxía, elixindo tecnoloxías que aforren e prescindindo de excesos de consumo.

A exposición estará complementada cunha charla de Miguel Pardellas, experto medioambiental da Sociedade Galega de Educación Ambiental, dirixida ao alumnado de Bacharelato da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.

28 mayo 2008

MUIÑADA DE AMENDO


Este sábado 31 de maio terá lugar nos muiños de Amedo, no Parque Natural a III muiñada organizada pola asociación Altofalante, coa colaboración da nosa ANPA.

Estades todos convidados a participar.

O programa:

ROMERIA


11:30 Moenda e charla sobre os muiños de Amendo.
12:00 Fornada e degustación de pan de millo elaborado no forno dun dos muiños.
12:30 Repoboación polos rapaces e rapazas,tamén polos maoires, dun espacio
queimado dirixida por Juan Francisco Ramallo, Presidente da Comunidade
de Montes de Carreira. Colocarase unha placa na zona repoboada.
14:00 Xantar, (levarase comida para compartir)
Presentación das "Pandereteiras da Escola de Música Bastantes Llon".
16:00 Maquillaxe de Cara por Roulotte Papillotte.
17:30 Contos no muiño, a cargo da escritora, actriz e contacontos: Paula Carballeira


SERAN



18:30 Actuación do grupo musical: Renato Spencer&café caxaça.
-Troula e merenda.

* Xornada amenizada por gaiteiros.
* Exposición fotografica da Muiñada 2007


É MOI IMPORTANTE A PARTICIPACIÓN DOS MAIORES
COS RAPACES E RAPAZAS PORQUE PRETENDEMOS....

* Fomentar o respecto e a participación responsábel co medio natural.
* Favorecer a sensebilización a respecto das problematicas ambientais.
* Fomentar a lectura e a tradición oral e etnografíca.
* Abrir novos espacios de lecer e convivencia para os nosos fillos.
* Novas formas de relacionarse, divertirse e vivir o ocio, a mocidade e a familia.
* Estableceriase así mesmo a transferencia de experiencias e coñecementos entre as diversas xeracións, alumeando o porvir tecnolóxico actual coa base firme das nosas raices e tradicións...

17 abril 2008

Ribeira contará cunha sección da Escola Oficial de Idiomas o próximo curso

Vemos na Voz de Galicia de hoxe que Ribeira contará cunha sección da Escola Oficial de Idiomas o próximo curso. É unha boa nova. Cando na ANPA soubemos que a Escola Oficial de Idiomas que está a funcionar no noso Instituto ía a desaparecer, estivemos a falar do asunto cos profesores e amosamos o noso apoio para que non desaparecera.

Non parecía viable que os os rapaces tivéranse que trasladar ata Noia para atender as clases.

28 febrero 2008

Responsabilidade, liberdade?



El Adarve é un blog que leo con frecuencia. Vale a pena botar unha ollada de cando en vez. A entrada de hoxe titúlase "Filete de profesor". E nela cuestionase porqué en moitos centros de ensino non hai papel hixiénico nos baños. A resposta a bote pronto pode parecer obvia, mais se profundamos nas implicacións educativas deste costume, quizais non sexa tan obvio. I é que non hai responsabilidade sen libertade.

Botade tamén unha ollada aos comentarios.


Foto de anyjazz65