22/10/08

Freemos o cambio climático


A ANPA Caramecheiro do IES número 1 de Ribeira, xunto co Departamento de Ciencias dese Instituto, acaba de presentar a exposición “Freemos o cambio climático”. Esta exposición, promovida polo colectivo ecoloxista Verdegaia, consta de 14 paneis, que se poden ver na biblioteca do Instituto dende hoxe ata o vindeiro día 7 de Novembro.

A exposición, que é unha adaptación a Galicia da concibida a nivel estatal por “Ecologistas en Acción”, explica que é o cambio climático, cales son os seus efectos a nivel mundial e na Península Ibérica, as súas causas, e trata de expoñer as mellores solucións para poñerlle freo.

Os obxectivos da exposición son concienciar ao alumnado sobre a magnitude e a urxencia do problema do cambio climático, e estimular a súa participación na loita contra o maior problema ambiental global.

Preténdese demostrar que o uso que facemos da enerxía na nosa actividade diaria (no transporte, a calefacción, a iluminación, etc.) contribúe ás emisións de CO2, o principal gas de invernadoiro. O alumnado, o profesorado, as familias e a sociedade en xeral, pode ser parte da solución ao cambio climático facendo un uso eficiente da enerxía, elixindo tecnoloxías que aforren e prescindindo de excesos de consumo.

A exposición estará complementada cunha charla de Miguel Pardellas, experto medioambiental da Sociedade Galega de Educación Ambiental, dirixida ao alumnado de Bacharelato da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.